Un aire de mudanza, fotografías de Ismael Núñez

mércores 27 outubro 2010

O Concello do Barco continúa co labor de recuperación da súa imaxe gráfica e, en particular, dos fotógrafos que foron deixando constancia da vida que lles tocou vivir. Ismael Núñez Negral (Castroponce de Valderaduey, 1931 – O Barco, 2008) compatibilizou as profesións de carteiro e fotógrafo. Andou de retratista polas festas, traballou por encarga para particulares, concello, xulgado, notaría e para a prensa, primeiro para “El Pueblo Gallego” e logo para “La Región”, no momento en que o correspondente Baldomero García poñía en marcha, cara a mediados dos anos setenta, unha delegación do xornal provincial en Valdeorras. Na fotografía de Ismael Núñez predomina un aire de mudanza, tanto no que atinxe á evolución da traza urbanística da vila do Barco, como ás condicións en que se desenvolve o día a día dos seus habitantes nesas dúas décadas que marcan, para o conxunto da sociedade, o comezo dun novo tempo. A mostra, incluída no Outono Fotográfico, reune unhas cincuenta imaxes do Barco dos anos 60 e 70 do século XX. Será inaugurada o martes días 2 ás 19h30 no Centro Comarcal. 

Fotografía: Aniversario nas Casas Baratas II. c. 1960. Ismael Núñez

No Centro Comarcal de Valdeorras – Casa de Río Cigüeño. Rúa da Veiguiña, 5. O Barco de Valdeorras. Do 2 ao 30 novembro. Horarios: 10 a 14 e de 17 a 20 (luns a venres) 11 a 14 (sábados). Catálogo.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado