O verán é unha festa

venres 24 xuño 2011

O concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, presentou onte aos medios locais o programa festivo e cultural do verán que acaba de comezar. Baixo o título xenérico de “No verán O Barco é unha festa” un díptico recolle os dezasete eventos que constitúen a oferta lúdica e cultural aberta á participación dos veciños e visitantes.

Un primeiro apartado constitúeno as festas, como a do Camiño das Covas que este primeiro sábado do verán acada a sétima edición e que conta, para a súa organización, coa Asociación de Bodegueiros do Castro. O programa recolle  outras festas como as do Serro-Vilobal (16 de xullo), do Transporte (23 xullo), das Barcas (7 de agosto) e as tradicionais da Nosa Señora de Vilanova (15 de agosto) e San Roque (16 agosto) no barrio do mesmo nome. Non falta unha romaría Popular en Éntoma (27 de agosto) nin os bailes dos domingos na praza Maior, aos que acoden sobre todo persoas maiores, nin as Festas do Cristo (do 9 ao 14 de setembro) que é onde rematará este ciclo festivo do verán.

Outra das convocatorias clásicas do verán son as Xornadas de Folclore, este ano o 9 de agosto recalarán de novo no Barco grupos de catro continentes para compracer ao público na XXVIII edición desta xira de músicas e danzas do mundo. Propostas con contidos culturais son, asemade, o VIII Mercado Medieval que organizan en Tremiñá, os días 16 e 17 de xullo, as Mulleres Rurais da parroquia de Veigamuíños. Precisamente no patio das escolas desta localidade terá lugar a representación o 15 de xullo de El Caballero de Olmedo. O clásico de Lope de Vega, en versión para títeres realizada pola aula de Teatro da Universidade de Murcia, dirixida por Fernando Vidal, está incluída no programa Las Huellas de La Barraca 2011, unha iniciativa da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales do Ministerio de Cultura para lembrar os itinerarios do grupo teatral universitario creado por García Lorca, Rafael Dieste e outros activistas culturais no tempo da II República.

Unha novidade no verán barquense será o I Festival Blues no Sil que presenta para a fin de semana do 1 e 2 de xullo, un atractivo programa musical que inclúe importantes noves do blues como Ñaco Goñi, Xulián Freire, Miki Nervio ou o The Red Dick Blues Bandna e que se desenvolverá na praza Andrés de Prada. Está organizado polo grupo Valdeorras Blues e conta coa axuda de varios establecementos da hostalaría local.

Por segunda vez o público valdeorrés poderá disfrutar do festival Espazos Sonoros, que ofrece música clásica en espazos de interese cultural. O día é o 20 de agosto, o lugar elixido a igrexa románica de San Miguel Arcanxo do Mosteiro-Xagoaza, e o concerto incluirá temas medievais executados polo arpista Manuel Vilas e o tenor Francisco Fernández Rueda, dous intérpretes de altísimo nivel.

Por outra parte o programa confeccionado pola Concellaría de Cultura fai referencia a outra cita clásica da cultura valdeorresa, a Semana de Cine do Barco do cine club Groucho Marx, este ano será o número vinteún e abrirá as portas o 19 de agosto no Teatro Lauro Olmo. Finalmente este domingo día 26 poderán contemplarse, ou participar na súa confección, as alfombras florais da Zona Vella do Barco que rexistra, en toda a mañá, un extraordinario ambiente para ter listos os deseños florais para o paso da procesión do Corpus.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado