O festival Espazos Sonoros ofrece un concerto no igrexa do Mosteiro de Xagoaza

xoves 04 agosto 2011

Espazos Sonoros é un ciclo musical que ce celebra en lugares de interese histórico e cultural de toda Galicia, baixo o patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. Este ano programou un concerto en Valdeorras, concretamente na igrexa románica de San Miguel do Mosteiro, en Xagoaza, o sábado 20 de agosto ás 19 horas. O tenor Francisco Fernández Rueda e o arpista Manuel Vilas ofrecerán un concerto de música medieval baixo o título de “Os últimos trobeiros. Virelais, chansons e lais de Adam de la Halle e Guillaume de Machaut”

Baixo este ilustrativo título asistiremos á estrea dun novo proxecto do arpista Manuel Vilas, centrado nun momento concreto da historia da música, o paso da Ars Antiqua á Ars Nova, da man dos que se poden considerar os derradeiros representantes da lírica trobadoresca. O movemento trobadoresco nacera a finais do século XI, e acadou o seu punto álxido na Francia do século XIII, condicionando e influíndo no desenvolvemento da nova lírica profana do século XIV.

O programa combina obras destes dous momentos históricos. Adam de la Halle (1237?-1288?) está considerado como un dos últimos trobeiros. O outro compositor, Guillaume de Machaut, é un dos máis sobranceiros compositores da Ars Nova e, malia salientar nel a súa importante produción profana polifónica, o certo é que seguiu compoñendo obras a unha única voz. De feito Machaut, coma os trobadores, foi tamén un notable poeta, e nos seus lais monódicos a pegada da lírica dos séculos anteriores déixase sentir claramente.

O concerto estará precedido por un paseo pola contorna do Mosteiro para coñecer diversos aspectos do noso patrimonio histórico, arquitectónico e etnográfico, en sintonía coa simbiose que Espazos Sonoros propón entre o patrimonio cultural e a música. Os interesados en participar neste roteiro guiado deberán xuntarse ás 16h30 na porta da igrexa de San Miguel Arcanxo do Mosteiro. A andaina inclúe o río Mariñán, a ponte e as ruínas dun muíño, parcelas dedicadas a viticultura, adega-cova tradicional, adega Viña Godeval, Mosteiro e igrexa de San Miguel. O tempo previsto para a mesma é de 90 minutos. A continuación, ás 19 horas, terá lugar o concerto no marco incomparábel dunha das igrexas mellor conservadas da nosa comarca e que conta no seu interior con frescos con pinturas manieristas e, no exterior, con elementos da arte románica de cando a súa primeira obra, o século XII.

Na igrexa de San Miguel Arcanxo do Mosteiro, Xagoaza, sábado 20 agosto, 16h30 (andaina) 19h (concerto) Entrada libre.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado