Corenta anos de baloncesto no Barco no Outono Fotográfico

mércores 26 outubro 2011

Grandes momentos do baloncesto no Barco (1949-1990) e o título da exposición que poderá verse no Centro comarcal en todo o mes de novembro, dentro do Outono fotográfico. Trátase dunha recompilación de fotografías deste deporte e da súa repercusión na vida local. Está producida polo concello do Barco e comisariada por Gustavo Docampo, a partir de fotografías antigas cedidas por veciñas e veciños do Barco. Será inaugurada o luns día 31 de outubro ás 19.30 horas.

O baloncesto aínda era incipiente en España cando en 1949 comeza a practicarse no Barco. Da man de Julián Trincado, enxeñeiro de Saltos do Sil, formouse o primeiro Club Baloncesto Barco que xogaba no patio de terra da Academia Dequidt. Entre 1951 e 1957 este equipo acadou todos os campionatos provinciais. Logo, ao formarse as ligas, en 1960, xoga coa elite do baloncesto galego. Os mellores equipos de Santiago, Vigo, Ferrol, A Coruña, Lugo e Ourense tiñan enormes dificultades para puntuar nos seus desprazamentos ao Barco. Crease unha certa épica de David contra Goliat naqueles memorábeis partidos, seguidos por uns seareiros entregados e que foron lugar de encontro e convivencia para varias xeracións de mozos e mozas do Barco.

No Centro Comarcal de Valdeorras – Casa de Río Cigüeño. Rúa da Veiguiña, 5. O Barco de Valdeorras. Do 31 outubro ao 30 novembro. Horarios: 10 a 14 e de 17 a 20 (luns a venres) 11 a 14 (sábados)






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado