Comeza o Outono Fotográfico cunha exposición sobre as actuacións na igrexa de Santo Estevo de Pardollán

martes 25 outubro 2011

Este venres comeza no Barco o Outono Fotográfico coa exposición titulada  “Santo Estevo de Pardollán: borrar a ruína, erguer o futuro” que produciu o Concello do Barco con fotografías de Carme Varela, Susana Fernandez, Jose Antonio Gil, Gustavo Docampo e Asociación Santo Estevo de Pardollán sobre a limpeza e posta en valor das ruínas desta igrexa románica por parte da asociación O Sorriso de Daniel e da Asociación Santo Estevo de Pardollán. A mostra poderá visitarse na Galería Sargadelos ata o 16 de novembro e a inauguración será o venres 28 de outubro ás 19 horas.

A igrexa de Santo Estevo (S.XII), situada nas proximidades da aldea de Pardollán (Rubiá), é posibelmente a igrexa románica máis antiga da diocese de Astorga e unha das escasas representacións desta arte na comarca de Valdeorras. É tamén o lugar onde se celebraba o ritual do Santo do Arangaño, ao que levaban antigamente os nenos que tiñan problemas de raquitismo.

A asociación O Sorriso de Daniel, para a defensa do patrimonio galego, e a Asociación Santo Estevo de Pardollán levaron a cabo unha actuación exemplar para chamar a atención sobre o abandono deste monumento. Un grupo de voluntarios e voluntarias limparon o pasado mes de xullo a igrexa  e a súa contorna. Levaba máis de cincuenta anos abandonada e a maleza foi ocultando moitos dos elementos máis senlleiros da súa fábrica.

Esta exposición é a reportaxe gráfica dunha iniciativa que uniu vontades a prol da recuperación da memoria dun pobo e da conservación dos bens comúns que explican o seu tránsito pola Historia, as súas creacións culturais. As fotografías foron tomadas nos meses de xullo e agosto de 2011.




Comentarios

Vaia por diante o noso agradecemento ao Concello de O Barco de Valdeorras. O que fixemos en Pardollán foi pequena cousa. Que aquel xesto se amplifique desta maneira é cousa de non esquecer. Realmente podémolo dicir ben alto: nunca ningunha institución fora tan xenerosa con nós.
Unha cousa é certa: tantas vontades empurrando na mesma dirección teñen que traer algo bo para Santo Estevo de Pardollán.
GRAZAS!

enviado por O Sorriso de Daniel o 25 outubro 2011 ás 04:12 PM CEST
Sitio web:: http://www.osorrisodedaniel.org #

Felicítovos pola idea e polo traballo que estades a facer. O venres temos conferencia, pero prometo visitar a exposición. Transmítolle esta boa nova os meus compañeiros.
Grazas por todo, Aurelio.

enviado por AURELIO BLANCO TRINCADO o 25 outubro 2011 ás 04:19 PM CEST #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado