Avance da programación do cuarto trimestre de 2010

venres 24 setembro 2010

A programación do cuarto trimestre de 2010 no Teatro Lauro Olmo, descargar tríptico , abrirase o venres día 1 de outubro coa representación de Miguel Hernández polo Teatro Meridional (na foto), unha montaxe teatral sobre a poesía e o drama persoal do poeta de Orihuela que, baixo a dirección de Álvaro Lavín, porá en escena a prestixiosa compañía madrileña, recordada no Barco polas súas montaxes de Cyrano e La verdadera historia de los hermanos Marx. 
Seguirá a I Mostra de Teatro Afeccionado "Lauro Olmo" organizada pola Asociación Gargallada, en colaboración con FEGATEA, a federación do teatro afeccionado, A Xunta de Galicia e o Concello do Barco. Ademais do grupo local Gargallada teatro, que abrirá a mostra o día 8 de outubro, o programa ofrece a participación dos grupos Vichelocrego de Gondomar (día 9), Carfax teatro de Culleredo (día 11) e O aturuxo de Melpómene, de Narón, pechando o ciclo o día 15.
Non acaba aquí a presenza do teatro afeccionado, os días 13 e 14 de novembro terán lugar dúas representacións para conmemorar o X aniversario da FEGATEA, estarán no Barco o grupo da Biblioteca de antas de Ulla (día 13) e Atrezzo teatro (día 14) esta última para público familiar.
Dentro da programación para adultos da Rede Galega de Teatros están, ademais do Miguel Hernández, inclúense Presing Cath de Berrobambán, Memoria de Helena e María do Teatro do Atlántico, Sexo porque non? de Eme2 emoción&arte e A Esmorga de Sarabela.
Para público infantil e familiar ofrécese, tamén dentro da Rede, Osofete de Titiritempo, o 19 de novembro, e logo nun ciclo de Nadal, 28, 29 e 30 de decembro, pasarán polo TLO, Teatro do Andamio (Pingueiras e Tarteiras), Teatro do Morcego (Saltimbanquis) e Caramuxo Teatro (Os Bolechas).
O programa complétase coa representación, en campaña escolar da Editorial Galaxia, de Cara o Campo das Estrelas de Sarabela Teatro (4 novembro) para nenos e nenas do segundo ciclo de primaria, e cos concertos e obradoiros para mozos e mozas que terán como protagonistas os grupos Azou (26 novembro) e The Homens (27 novembro) dentro de programas de promoción do galego que patrocina a Dirección Xeral de Política Lingüística.
Informaremos con maís detalle de todo elo.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado