A Banda do Barco debutou na praza Andrés de Prada
No día de onte e como colofón das festas do Cristo 2010 tivo lugar o concerto de presentación da Banda de Música do Barco, na praza Andrés de Prada. Numeroso público seguiu as interpretacións que, durante cincuenta minutos, foron executando baixo unha ameazante choiva que finalmente agardou a que finalizara o acto.
Minutos antes foi descuberta unha placa que recorda ao cabaleiro Andrés de Prada e Gómez de Santalla, natural de Outarelo, que foi secretario da Guerra e do Consello de Estado dos reis Felipe II e Felipe III, respectivamente. Sobre a súa figura falou o historiador Ángel Fernández Fernández antes de que o alcalde do Barco, Alfredo García, dera paso ao concerto da agrupación dirixida por Manuel Prada Ramos.
O programa do concerto estivo formado por "Cordobesita" de Ramón Medina, "Alma Llanera" de P.Elías Gutierrez, "Mala entraña" de J. Martínez Abades, "Ammerland" de Jacob de Haan, "A Jorge Manrique" de Mª Jesús Sanz, "No llores por mi Argentina" de Andrew Lloyd Webber / Tin Rice, "El tiemblo" de Eugenio Gómez García, "Flashdance" de Giorgio Morader e "March to the Big top" de Mark Willians, esta última fora de programa e a petición do público que, posto de pé, despediu aos músicos cunha prolongada ovación.