A exposición "1949-1989. Grandes momentos do baloncesto no Barco" recollida en vídeo

mércores 23 novembro 2011

 [ Máis ]

Síguenos en facebook

luns 26 setembro 2011

Creamos un perfil en facebook para chegar a un maior número de usuarios/as e dun xeito máis directo. Seguramente iremos facendo del unha das canles preferentes para comunicar as nosas novas.
http://www.facebook.com/teatro.lauro.olmo

O IEV organiza unha homenaxe a Lauro Olmo

xoves 22 setembro 2011

O Instituto de Estudos Valdeorreses realizará este sábado, 24 de setembro, unha homenaxe a Lauro Olmo (1922-1994)

Ás 12 h. procederase á descuberta dunha placa na casa natal do escritor, no número 8 da rúa Real, e ás 19 h. proxectarase, no teatro que leva o seu nome, un documental sobre a súa vida e a súa obra literaria, seguido dunha mesa redonda coa participación do xornalista José Antonio Gurriarán e de Baldomero García, que fora cura párroco do Barco e correspondente de La Región na comarca. Estes actos, abertos ao público, contarán coa presenza dos fillos do dramaturgo valdeorrés.

Máis sobre Lauro Olmo:
http://obarcocultural.blogs-r.com/weblog/page/obarcocultural?catname=%2F%5BLauro+Olmo%5D

Ligazón da fotografía: http://buscabiografias.com/bios/biografia/verDetalle/8086/Lauro%20Olmo%20Gallego

As Xornadas de Folclore, unha cita coas culturas do mundo

martes 26 xullo 2011

Grupos folclóricos de Bielorrusia, Buriatia, Colombia e Bolivia formarán o cartel que as XXVIII Xornadas de Folclore de Ourense ofrecerán no Barco o martes 9 de agosto. Trátase dunha das citas que rexistran maior concorrencia no verán valdeorrés e unha excelente ocasión de entrar en contacto con expresións culturais doutros continentes, de culturas moitas veces completamente descoñecidas para nós. O evento está organizado pola Deputación de Ourense e conta coa colaboración do concello do Barco.

No Campo da Festa do Malecón, martes 9 agosto ás 20h30. Duración aproximada: 90 minutos. Entrada libre.

O verán é unha festa

venres 24 xuño 2011

O concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, presentou onte aos medios locais o programa festivo e cultural do verán que acaba de comezar. Baixo o título xenérico de “No verán O Barco é unha festa” un díptico recolle os dezasete eventos que constitúen a oferta lúdica e cultural aberta á participación dos veciños e visitantes.

Un primeiro apartado constitúeno as festas, como a do Camiño das Covas que este primeiro sábado do verán acada a sétima edición e que conta, para a súa organización, coa Asociación de Bodegueiros do Castro. O programa recolle  outras festas como as do Serro-Vilobal (16 de xullo), do Transporte (23 xullo), das Barcas (7 de agosto) e as tradicionais da Nosa Señora de Vilanova (15 de agosto) e San Roque (16 agosto) no barrio do mesmo nome. Non falta unha romaría Popular en Éntoma (27 de agosto) nin os bailes dos domingos na praza Maior, aos que acoden sobre todo persoas maiores, nin as Festas do Cristo (do 9 ao 14 de setembro) que é onde rematará este ciclo festivo do verán.

Outra das convocatorias clásicas do verán son as Xornadas de Folclore, este ano o 9 de agosto recalarán de novo no Barco grupos de catro continentes para compracer ao público na XXVIII edición desta xira de músicas e danzas do mundo. Propostas con contidos culturais son, asemade, o VIII Mercado Medieval que organizan en Tremiñá, os días 16 e 17 de xullo, as Mulleres Rurais da parroquia de Veigamuíños. Precisamente no patio das escolas desta localidade terá lugar a representación o 15 de xullo de El Caballero de Olmedo. O clásico de Lope de Vega, en versión para títeres realizada pola aula de Teatro da Universidade de Murcia, dirixida por Fernando Vidal, está incluída no programa Las Huellas de La Barraca 2011, unha iniciativa da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales do Ministerio de Cultura para lembrar os itinerarios do grupo teatral universitario creado por García Lorca, Rafael Dieste e outros activistas culturais no tempo da II República.

Unha novidade no verán barquense será o I Festival Blues no Sil que presenta para a fin de semana do 1 e 2 de xullo, un atractivo programa musical que inclúe importantes noves do blues como Ñaco Goñi, Xulián Freire, Miki Nervio ou o The Red Dick Blues Bandna e que se desenvolverá na praza Andrés de Prada. Está organizado polo grupo Valdeorras Blues e conta coa axuda de varios establecementos da hostalaría local.

Por segunda vez o público valdeorrés poderá disfrutar do festival Espazos Sonoros, que ofrece música clásica en espazos de interese cultural. O día é o 20 de agosto, o lugar elixido a igrexa románica de San Miguel Arcanxo do Mosteiro-Xagoaza, e o concerto incluirá temas medievais executados polo arpista Manuel Vilas e o tenor Francisco Fernández Rueda, dous intérpretes de altísimo nivel.

Por outra parte o programa confeccionado pola Concellaría de Cultura fai referencia a outra cita clásica da cultura valdeorresa, a Semana de Cine do Barco do cine club Groucho Marx, este ano será o número vinteún e abrirá as portas o 19 de agosto no Teatro Lauro Olmo. Finalmente este domingo día 26 poderán contemplarse, ou participar na súa confección, as alfombras florais da Zona Vella do Barco que rexistra, en toda a mañá, un extraordinario ambiente para ter listos os deseños florais para o paso da procesión do Corpus.