Shakespeare para ignorantes, os grandes momentos da obra do dramaturgo inglés vistos por Mofa e Befa

luns 12 decembro 2011

Este venres, 16 de decembro, ás 21 h., o TLO ofrece "Shakespeare para ignorantes" un dos maiores éxitos do teatro galego dos últimos anos.
A colaboración de Mofa e Befa, o dúo cómico máis recoñecido da escena galega, con Quico Cadaval, dramaturgo, actor e director de escena, deu como resultado este "Shakespeare para ignorantes" que non para de recoller aplausos polos teatros de España e Portugal e que foi recoñecido co Premio Max 2011 (mellor autor en galego Quico Cadaval) e o Premio María Casares 2010 ao mellor texto galego orixinal.

Mofa e Befa irrompen nunha académica conferencia sobre o famoso autor para pór en primeiro plano as escenas máis ignoradas, por desidia ou falta de oportunidades, polo público actual. A risa máis cruel, as intimidades máis vergoñosas, os actos máis deshonestos e as villanías máis astutas serán mostradas pola desapiadada máquina cómica de Mofa e Befa. Asasinos, xuíces, bufóns, cornudos, delatores, racistas, oportunistas, chulos, torturadores, todos os personaxes que nunca teñen o protagonismo terán agora a sorte de mostrarse no primeiro plano.

A obra está interpretada por Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira (Mofa e Befa) xunto a Quico Cadaval, que é tamén o director e autor do texto. Está dirixida ao público adulto e ten unha duración de noventa minutos.

"Kungfundidos" de Bucanero teatro, humor, música e kung-fu

luns 05 decembro 2011

Bucanero Teatro presenta este venres (9 decembro-21h) no TLO “Kungfundidos” unha peza cómica interpretada e dirixida por Pedro Picos e Xosé Bonome na liña de anteriores traballos seus.

Dous grandes mestres formados en dous mosteiros segredos do Himalaia, descoñecidos para a civilización occidental ensínannos unha nova filosofía que os fixo ser quen son: o Te Likido.

Tras varios anos estudando esta nova filosofía, Bucanero volta ao camiño da ensinanza en clave de humor. Estes dous grandes mestres percorrerán todas as súas andainas para amosarnos a súa orixe desde o principio, a orixe da súa amizade e a orixe e demostración do seu dominio sobre a mente humana.

Venres 9 de decembro ás 21 horas para público adulto.

Sarabela presenta Tango de Slawomir Mrózek, un drama sobre o mundo contemporáneo.

martes 29 novembro 2011

Este venres, 2 de decembro ás 21 h., o Teatro Lauro Olmo presenta a Sarabela Teatro, un dos grupos máis sólidos do panorama teatral galego, con Tango, a súa última proposta escénica.

O tango do título é un baile-reto no que se amosan as relacións internas dunha familia, concibida como metáfora da sociedade e que serven para amosar de forma traxicómica e grotesca o mundo contemporáneo e o tema da rebelión xeracional. "Tango" é unha das obras máis relevantes do teatro europeo en todo o mundo. Reclama a necesidade dunha nova comprensión dos tempos que vivimos.

Tango está dirixido por Ánxeles Cuña Bóveda, que tamén fixo a dramatúrxia da obra de Mrózek. Como axudante de dirección Sarabela contou coa barquense Eva Ferreira, que vai mostrar por primeira vez o seu traballo na súa vila natal. No elenco están Fina Calleja, Vicente de Souza, Elena Seijo, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Lino Braxe e Nate Borrajo. 
A acción desenvólvese na casa dunha familia moi particular. A extravagante avoa Lilith e a tía Xena, aparentemente inofensiva, son as representantes da xeración máis vella. O pai, de nome Stomil e a nai, Eleanora, son artistas que pertencen a unha vangarda desaparecida, que se manifesta a favor da liberdade do individuo e que se comporta de xeito descoidadamente "informal". O fillo, Artur, que estuda tres carreiras, e Ala, a súa moza, son os membros máis novos. Prepáranse para casar con toda a "pompa" e crear así unha nova familia. Porén, primeiro Artur cre que ten que ordenar o caos que impera ao seu redor. Tamén habita a casa un misterioso estranxeiro... 
O drama comeza cando a un certo Hamlet lle dá por ordenar o mundo.

Pelos na lingua, de Talía Teatro, unha comedia sobre os usos do galego

martes 22 novembro 2011

 [ Máis ]

Unha hora na vida de Stefan Zweig estará este venres no TLO

luns 14 novembro 2011

A compañía de teatro Lagarta, Lagarta estará este venres 18 de novembro ás 21 h. no Teatro Lauro Olmo do Barco con "Unha hora na vida de Stefan Zweig". Un texto do autor canario Antonio Tabares que ficciona as últimas e sorpresivas horas da vida do escritor Stefan Zweig, exiliado en Brasil. 
Dirixido por Rosa Álvarez, o seu elenco está formado por Ernesto Chao, Belén Constenla e César Cambeiro. A intriga é un dos soportes desta montaxe que se inicia cando o escritor austríaco e a súa muller deciden suicidarse. Ata este punto a historia é real, pero unha vez que se pon en marcha, o autor teatral especula sobre como puideron eses últimos minutos na vida dos dous e introduce un terceiro personaxe que cambia o punto de vista da obra e dos outros dous personaxes. Segundo o actor Ernesto Chao, a peza «é un drama moi humano, moi comprometido, pero ten unha dose de suspense que vai guiar ao espectador por todo o percorrido que fan os personaxes».