Shakespeare para ignorantes, os grandes momentos da obra do dramaturgo inglés vistos por Mofa e Befa

luns 12 decembro 2011

Este venres, 16 de decembro, ás 21 h., o TLO ofrece "Shakespeare para ignorantes" un dos maiores éxitos do teatro galego dos últimos anos.
A colaboración de Mofa e Befa, o dúo cómico máis recoñecido da escena galega, con Quico Cadaval, dramaturgo, actor e director de escena, deu como resultado este "Shakespeare para ignorantes" que non para de recoller aplausos polos teatros de España e Portugal e que foi recoñecido co Premio Max 2011 (mellor autor en galego Quico Cadaval) e o Premio María Casares 2010 ao mellor texto galego orixinal.

Mofa e Befa irrompen nunha académica conferencia sobre o famoso autor para pór en primeiro plano as escenas máis ignoradas, por desidia ou falta de oportunidades, polo público actual. A risa máis cruel, as intimidades máis vergoñosas, os actos máis deshonestos e as villanías máis astutas serán mostradas pola desapiadada máquina cómica de Mofa e Befa. Asasinos, xuíces, bufóns, cornudos, delatores, racistas, oportunistas, chulos, torturadores, todos os personaxes que nunca teñen o protagonismo terán agora a sorte de mostrarse no primeiro plano.

A obra está interpretada por Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira (Mofa e Befa) xunto a Quico Cadaval, que é tamén o director e autor do texto. Está dirixida ao público adulto e ten unha duración de noventa minutos.