Corenta anos de baloncesto no Barco no Outono Fotográfico

mércores 26 outubro 2011

Grandes momentos do baloncesto no Barco (1949-1990) e o título da exposición que poderá verse no Centro comarcal en todo o mes de novembro, dentro do Outono fotográfico. Trátase dunha recompilación de fotografías deste deporte e da súa repercusión na vida local. Está producida polo concello do Barco e comisariada por Gustavo Docampo, a partir de fotografías antigas cedidas por veciñas e veciños do Barco. Será inaugurada o luns día 31 de outubro ás 19.30 horas.

O baloncesto aínda era incipiente en España cando en 1949 comeza a practicarse no Barco. Da man de Julián Trincado, enxeñeiro de Saltos do Sil, formouse o primeiro Club Baloncesto Barco que xogaba no patio de terra da Academia Dequidt. Entre 1951 e 1957 este equipo acadou todos os campionatos provinciais. Logo, ao formarse as ligas, en 1960, xoga coa elite do baloncesto galego. Os mellores equipos de Santiago, Vigo, Ferrol, A Coruña, Lugo e Ourense tiñan enormes dificultades para puntuar nos seus desprazamentos ao Barco. Crease unha certa épica de David contra Goliat naqueles memorábeis partidos, seguidos por uns seareiros entregados e que foron lugar de encontro e convivencia para varias xeracións de mozos e mozas do Barco.

No Centro Comarcal de Valdeorras – Casa de Río Cigüeño. Rúa da Veiguiña, 5. O Barco de Valdeorras. Do 31 outubro ao 30 novembro. Horarios: 10 a 14 e de 17 a 20 (luns a venres) 11 a 14 (sábados)

Comeza o Outono Fotográfico cunha exposición sobre as actuacións na igrexa de Santo Estevo de Pardollán

martes 25 outubro 2011

Este venres comeza no Barco o Outono Fotográfico coa exposición titulada  “Santo Estevo de Pardollán: borrar a ruína, erguer o futuro” que produciu o Concello do Barco con fotografías de Carme Varela, Susana Fernandez, Jose Antonio Gil, Gustavo Docampo e Asociación Santo Estevo de Pardollán sobre a limpeza e posta en valor das ruínas desta igrexa románica por parte da asociación O Sorriso de Daniel e da Asociación Santo Estevo de Pardollán. A mostra poderá visitarse na Galería Sargadelos ata o 16 de novembro e a inauguración será o venres 28 de outubro ás 19 horas.

A igrexa de Santo Estevo (S.XII), situada nas proximidades da aldea de Pardollán (Rubiá), é posibelmente a igrexa románica máis antiga da diocese de Astorga e unha das escasas representacións desta arte na comarca de Valdeorras. É tamén o lugar onde se celebraba o ritual do Santo do Arangaño, ao que levaban antigamente os nenos que tiñan problemas de raquitismo.

A asociación O Sorriso de Daniel, para a defensa do patrimonio galego, e a Asociación Santo Estevo de Pardollán levaron a cabo unha actuación exemplar para chamar a atención sobre o abandono deste monumento. Un grupo de voluntarios e voluntarias limparon o pasado mes de xullo a igrexa  e a súa contorna. Levaba máis de cincuenta anos abandonada e a maleza foi ocultando moitos dos elementos máis senlleiros da súa fábrica.

Esta exposición é a reportaxe gráfica dunha iniciativa que uniu vontades a prol da recuperación da memoria dun pobo e da conservación dos bens comúns que explican o seu tránsito pola Historia, as súas creacións culturais. As fotografías foron tomadas nos meses de xullo e agosto de 2011.

Cinderela Mix, de Artello, distintas olladas para un conto de sempre

luns 24 outubro 2011

Artello Teatro, un nome histórico do teatro galego que se ten especializado duns anos a esta parte no teatro infantil, con moitísima seriedade e alto nivel de esixencia. O público do Barco tivo ocasión de coñecer todas as producións do grupo vigués, programadas no noso Teatro sempre con excelente acollida. Nesta ocasión presentan Cinderela Mix, unha volta máis a clásica historia da Cincenta dirixida por Manolo Pombal e Santi Montenegro.

Cinderela Mix é a fusión de tres olladas sobre o conto da Cincenta. Son as olladas de tres chaíñas que converxen accidentalmente. A partir dos pequenos conflitos da súa vida cotiá, vense engaiolados por unha historia que os leva a xogar, a mesturar, a enredar... a compartir. Tres olladas humildes, cheas de ilusión, de tenrura, de poesía, de cor, de música e de humor.

Actores:
Rosa Hurtado, Santiago Montenegro, Simón Piñón.
Fotografías: Quino Vilas.
Iluminación: Santiago Montenegro.
Banda sonora, texto e dramaturxia: R. Hurtado, S. Montenegro e S. Piñón.
Títeres e atrezzo: Rosa Hurtado e Suso Montero.
Escenografía, vestiario e cartel: Suso Montero.
Dirección: Manuel Pombal, Santiago Montenegro.

No TLO este venres, 28 de outubro, a partir das 20 horas.

Life is a paripé de Obras Públicas

xoves 20 outubro 2011

A laureada "Life is a paripé" de Obras Públicas, finalista nos Premios Max 2011 mellor espectáculo revelación, con Iolanda Muíños (premio María Casares 2010 mellor actriz protagonista), César Goldi e Mos, estará no Barco este venres 21 de outubro. 

No TLO a partir das 21 h.
 

A representación, dirixida ao público adulto, está incluída dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Os billetes poderán retirarse desde unha hora antes.

Máis información: http://lifeisaparipe.blogspot.com/?spref=f

Paso de Valverde presenta "Drammatico" no II Ciclo de Teatro Afeccionado

mércores 05 outubro 2011

Dentro do II Ciclo de Teatro Afeccionado Lauro Olmo, organizado por Gargallada Teatro, este venres a compañía Paso de Valverde Teatro de Arteixo vai representar "Drammatico", un espectáculo cómico e tráxico para maiores de 14 anos. 
A familia dos cómicos italianos I Fratelli Fratellini chega ao noso país coa sua aposta máis arriscada: por vez primeira na história da compañia apresentarán un espectáculo dramático. Duas xeracións de artistas do mesmo sangue levarán aos palcos unha historia onde o amor morre cedo e a miséria vai cimentando os ocos das relacións familiares. Unha historia de fracasos e odios non tan afastados como quereriamos pensar

No TLO o venres 7 de outubro a partir das 20h30.