II Ciclo de Teatro Afeccionado Lauro Olmo

xoves 29 setembro 2011

O grupo de teatro O Trasno Novo, de San Andrés de Comeña (Vigo), será o encargado de abrir o II Ciclo de Teatro Afeccionado Lauro Olmo. Este venres, 30 de setembro, a partir das 20h30 porán en escena "Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fora", unha creación colectiva do grupo sobre a memoria histórica coas mulleres como protagonistas, están dirixidos por Xaime Costas e Miguel Estévez e actúan no Barco por vez primeira, dentro das xornadas organizadas por Gargallada Teatro.

A programación continúa o venres 7 outubro ás 20h30 con "Drammático" de Paso De Valverde Teatro da Coruña. A última das representacións será o venres 14 outubro, tamén ás 20h30, e titúlase "Barvarela" de Hipócrita Teatro de Lugo.

O Barco recibe a IX Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

martes 27 setembro 2011

A IX edición da Bienal de pintura do Eixo Atlântico inaugura a súa exposición no Barco de Valdeorras o próximo día 30 de setembro no “Centro Comarcal Casa do Río Cigüeño”, na Rúa da Veiguiña, nº 5. É a única exposición itinerante e transfronteiriza entre dous países, na Unión Europea. As obras percorren, ao longo de dous anos, as 34 cidades que forman parte da entidade transfronteiriza.
 
Trátase dun acontecemento artístico de primeira magnitude xaque, ademais de promocionar aos artistas da eurorrexión, se consolida como unha das tres mellores exposicións itinerantes de pintura da Península Ibérica. Nesta última edición concorreron cerca de 200 obras, das que foron elixidas trinta que forman parte da XI Bienal.
 
Hai que destacar que esta exposición cumpre nove edicións, cun cadencia de entre un e dous anos de exposición itinerante, e dicir un periplo de 15 anos de historia do Eixo Atlántico, sendo unha das primeiras iniciativas da entidade transfronteiriza. Ademais, constitúese como a única exposición en Europa de carácter itinerante y que se desenvolve en dous países.
 
O Obxectivo da Bienal de Pintura é o impulso á creatividade dos artistas e á creación valor engadido no patrimonio artístico da eurorrexión.
 
A pintora Montserrat Fierro diante da obra gañadoraA Bienal concedeu un premio “Eixo Atlántico” á mellor obra do certame, cun valor de 3.000 euros a pontevedresa Monserrat Frieiro Dantas e dous segundos premios de 1.500 euros cada un, á mellor obra de autor portugués, Miguel Vasconcellos, e a mellor obra de autor galego para Joseba Muguruzábal Pérez. Igualmente concedeuse o premio “Jovens Talentos Luso – Galaicos” que recaeu na galega Raquel Iglesias Gándara, premio dirixido aos novos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos, inclusive, cun valor de 1.500 euros.
 
Fortalecer lazos
 
“Realmente, como se constrúe o futuro é con actividades coma esta. É imposible crear una eurorrexión sen a cultura, o deporte ou os movementos sociais”, lembra o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, tras destacar que a Bienal é a mellor mostra de que “traballando todos xuntos, man con man, se poden conseguir os obxectivos”. Algúns dos creadores premiados nas convocatorias precedentes son, hoxe en día, creadores recoñecidos como no caso do propio presidente do xurado de esta edición, Xosé Luis Otero.
 
A Bienal de pintura do Eixo Atlántico é desenvolvida pola colaboración entre o Eixo Atlántico, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, Caixanova, a Fundação da Juventude, e o Instituto Português da Juventude.

No Centro Comarcal de Valdeorras do 30 de setembro ao 29 de outubro. De 10 a 14 e de 17 a 20 horas de luns a venres. Os sábados de 11 a 14 horas.

Síguenos en facebook

luns 26 setembro 2011

Creamos un perfil en facebook para chegar a un maior número de usuarios/as e dun xeito máis directo. Seguramente iremos facendo del unha das canles preferentes para comunicar as nosas novas.
http://www.facebook.com/teatro.lauro.olmo

O IEV organiza unha homenaxe a Lauro Olmo

xoves 22 setembro 2011

O Instituto de Estudos Valdeorreses realizará este sábado, 24 de setembro, unha homenaxe a Lauro Olmo (1922-1994)

Ás 12 h. procederase á descuberta dunha placa na casa natal do escritor, no número 8 da rúa Real, e ás 19 h. proxectarase, no teatro que leva o seu nome, un documental sobre a súa vida e a súa obra literaria, seguido dunha mesa redonda coa participación do xornalista José Antonio Gurriarán e de Baldomero García, que fora cura párroco do Barco e correspondente de La Región na comarca. Estes actos, abertos ao público, contarán coa presenza dos fillos do dramaturgo valdeorrés.

Máis sobre Lauro Olmo:
http://obarcocultural.blogs-r.com/weblog/page/obarcocultural?catname=%2F%5BLauro+Olmo%5D

Ligazón da fotografía: http://buscabiografias.com/bios/biografia/verDetalle/8086/Lauro%20Olmo%20Gallego

Pequeñas mentiras sin importancia

mércores 21 setembro 2011

Esta semana o cine club Groucho Marx proxecta a película francesa de 2010 "Pequeñas mentiras sin importancia" (Les petits mouchoirs) de Guillaume Canet. Unha historia protagonizada por un grupo de amigos que poñen a proba a súa amizade convivindo, nunhas vacacións compartidas, con esas pequenas mentiras sen importancia que atravesan as relacións entre as persoas. 

Poderá verse no TLO o xoves 22, dúas sesións, ás 20h30 e ás 22h30. Tamén o domingo nun único pase ás 20h.

Toda a información sobre a película en http://peliculas.labutaca.net/pequenas-mentiras-sin-importancia#sinopsis